domingo, 11 de novembro de 2007

Prestige, 5 anos despois... e agora que?



A piques de cumprirse 5 anos daquela tremenda catástrofe ecolóxica creo que hoxe cómpre unha reflexión. Os buques monocasco siguen navegando a poucas millas das nosas costas e ainda que temos máis medios que no 2002 para facerlle fronte, poderíamos evitar que a catástrofe tomase estas dimensións.
Por un lado quero pensar que sí, que os responsables políticos que se enfrontasen hoxe a un feito similar actuarían doutra maneira e non nos pasearían o barco de norte a sur para repartir "democráticamente" o chapapote por toda a costa galega (e parte do estranxeiro). Por outra banda espero que a clase política aprendera a lección e non nos faga outra vez parvos (recordemos os "hilillos de plastilina" de Rajoy).
E por último quero rememorar a resposta da sociedade galega, que en masa saiu ás rúas para denunciar o desastre e a mentira... aínda que ás veces teñamos a sensación de que despois nas eleccións esa xente non respondeu, e que compraron os seus votos con moreas de subvencións, non hai que esquencer que cinco anos despois o Sr. Manuel Fraga non é xa presidente da Xunta de Galiza... supoño que isto algo tería que ver.

sábado, 3 de novembro de 2007

Telebasura ao poder!!!


Leo hoxe en La Voz de Galicia unha noticia relacionada coa violencia xuvenil e esa nova moda de grabar as agresións no teléfono móbil para pasar á posteridade con esas imaxes.

Esta última agresión ocorreu en Boiro, hai poucos días, cando un grupo de rapaces menores de idade lle deron unha paliza a outro e o grabaron en vídeo. Onte o xuiz enviou aos agresores a un centro de menores para que permanezan aí á espera do xuízo.

Pero non vou escribir sobre o noxo e a repulsión que me produce toda esa violencia gratuita, que parece satisfacer tanto a determinados adolescentes hoxe en día. O que realmente me impacta da noticia é o seguinte que leo no xornal:

"«Este vídeo vale ou seu peso en ouro», comenta en ton burlón na filmación o mozo que gravou a brutal malleira de Boiro hai agora doce días. O tempo parece terlle dado a razón a este menor, xa que o vórtice de medios desprazados ata a zona portuaria de Escarabote solicitando o polémico vídeo provocou que algúns mozos pedisen ata cen euros por ceder as imaxes.

Esa cifra é confirmada por C., de 15 anos e veciña de Escarabote, que estaba sentada cun grupo de amigos no parque fronte ao centro social da parroquia. A esclarecedora secuencia ofrecida pola menor é a que segue: «Chegaron dalgunhas televisións preguntando se sabiamos de alguén que tivese ou vídeo, e eu respondín que si. Entón vos xornalistas quixeron saber canto pedía polo. Un compañeiro que estaba ao meu lado contestoulle que cen euros. "Nin de coña, douche cinco", díxolle ou xornalista. "Por eses cartos non cho vendo, porque as teles gañades moito", contestou ou mozo. Ou outro díxolle que vinte euros e que era a súa última oferta. E ou rapaz contestoulle: "Dacordo"». E pechouse o trato.

C. afirmou que «entre onte [por antonte] e hoxe [onte] saqueime 40 euros, que non está nada mal». O argumento esgrimido por esta moza para xustificar a venda das imaxes da brutal malleira sufrida polo seu veciño e coñecido T. foi que «se ou fan vos demais eu tamén, xa que así gañei uns cartos sen facer nada».

A nai da menor está presente no transcurso da conversación. O silencio foi a resposta da proxenitora ante as contundentes palabras da súa filla."

Pois ben. Ata aquí chegamos. Algo que xa vivimos hai poucos días co rapaz de Barcelona que agrediu no metro a unha adolescente por ser ecuatoriana. As televisións apestan. E o afirmo con rotundidade. Resulta que premian económicamente a aqueles rapaces que grabaron e difundiron o vídeo da brutal agresión, e incentivan dalgunha maneira o mercadeo con ese tipo de cousas. Transmitimos a mensaxe de que bueno, está mal que os nenos peguen a outros nenos pero se pasa... por qué non aproveitar a situación.

Non existe un código ético do xornalismo? É normal que admitamos sen inmutarnos que os agresores e os colaboradores nestes feitos se beneficien económicamente?

Todos deberíamos reflexionar sobre a onde nos leva isto, cara onde deriva a sociedade e se isto é no que queremos que se convirta. Non podemos quedar parados, coma esa nai coa sua filla, mentres vemos coma un adolescente afirma que se vai enriquecer con isto, porque non vai ser menos. Non podemos permitir que a programación das televisións nos diga continuamente que por cartos se pode facer calquera cousa, que todo está permitido.

E creo que as televisións e os xornalistas deberían facer unha fonda reflexión sobre o seu papel na sociedade, porque de seguir así creo que a sociedade pode prescindir perfectamente deles.

sexta-feira, 2 de novembro de 2007

Autores intelectuais, estreitez de miras e falta de intelecto


Tras o resultado da sentencia do 11-M a miña cabeciña non para de lle dar voltas a algo que me parece increible a estas alturas da historia. Non me podo crer que haxa personaxes neste país que ainda poñan en dúbida quen son os responsables de tremenda masacre.
E tamén ando a reflexionar sobre que vén sendo un autor intelectual... O señor Zaplana, e con el toda a plana maior do PP pregúntannos estes días quen son os autores intelectuais desta masacre, nun intento por seguir manténdose nesas teses retorcidas e absurdas dunha conexión entre ETA e o terrorismo islámico, que tras tres anos e medio non foron capaces de probar, por máis que o intentaron.
Pois ben, señor Zaplana, eu creo ter a resposta. Podo estar enganada (porque ninguén é infalible) pero case podería asegurar que o autor intelectual foi o integrismo relixioso islámico, alimentado pola pobreza, a fame, a miseria e moitos séculos de opresión de determinados pobos do mundo por parte de occidente. As guerras polo petróleo, o apoio a algúns "demócratas" recoñecidos como o presidente de Pakistan ou a familia real saudita.
Aí nacen as ideas, señor Zaplana... E a estas alturas creo que tamén podería dicirlle onde NON HAI INTELECTO algún.